

O departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) despediron hoxe o programa de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.
Foi cunha xornada de xogos e diferentes actividades nas que os protagonistas foron os estudantes de Primeiro e Segundo ciclo de Primaria dos diferentes centros educativos ponteses e no que participaron máis de 200 nenos e nenas, ademáis do edil José Alén, que quixo compartir cos pequenos este último día de xogos e iniciativas.
A Casa Dopeso serviu de escenario para albergar un completo programa de xogos ideado polas monitoras de Atalaia Social e que, durante hora e media, puideron comprobar o aprendido polos nenos e nenas durante a Semana da Muller nas Escolas.
De feito, coma se fose baixo a batuta da gran directora Inma Shara, os pequenos e pequenas comezaron a mañá cun xogo de música para continuar cun Verdadeiro e Falso integrado por diferentes preguntas coas que se pretendía avaliar o concepto de igualdade e os estereotipos asumidos polos máis novos no mundo da música, coma que hai estilos musicais para eles e para elas ou que, segundo o xénero, é posible tocar mellor ou peor un instrumento musical.
Asemade, tamén durante a mañá se desenvolvía un particular Quen é Quen con imaxes de artistas femininas coma a DJ Marta Fierro, a gaiteira Cristina Pato, a rapeira galega AID ou incluso a trompa pontesa Estefanía Beceiro, imaxes que os rapaces e rapazas recoñeceron sen problema algún.
E xa que coma o 8 de marzo estivo adicado este ano á muller na música, non podía faltar tampouco o baile cun entretido xogo no que as propias monitoras de Atalaia Social se animaron a ofrecer o seu propio estilo de baile no que se mesturaba a danza clásica, co hip hop ou o baile galego.
Como sorpresa final nada mellor que escoitar a artistas locais como son Andrea Iglesias e Julia Prieto que co son do seu clarinete e do seu piano e na compaña de Álvaro García interpretaron temas coma as bandas sonoras de Aladín e a Sereíña e ata a clásica Aria de Bach.
E así con música, como non podía ser doutro xeito, se despedía ata o vindeiro ano a Semana da Muller nas Escolas que, xa no curso que ven, continuará a afondar na eliminación dos estereotipos sexistas que, a día de hoxe, aínda protagonizan a nosa sociedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario