miércoles, 10 de abril de 2013

A VI EDICIÓN DO CERTAME BOLIQUEIRAS ABRE O SEU PRAZO DE INSCRICIÓN

Está aberto o prazo para participar na que será a sexta edición xa do Certame Boliqueiras, promovido un ano máis pola Mesa Local de Normalización Lingüística, e que volve centrarse na figura á que se adican as Letras Galegas, data en torno á que se convoca este certame. Ata dentro de algo máis dun mes estará aberto o prazo para facer entrega dos traballos que deberán ter como tema de referencia o teatro galego, ó ser Roberto Vidal Bolaño o protagonista do 17 de maio. Como ven sendo habitual, a organización do certame ideou diferentes premios segundo as distintas categorías que inclúe este concurso e que van dende Educación Infantil ata Secundaria, sen esquecer o premio especial Endesa, no que poderá participar calquera persoa independentemente da súa idade. No tocante aos premios, na Categoría Infantil repartiranse un premio de 80 euros para os meniños de 0 a 3 anos, un primeiro premio de 50 euros para os pequenos de 3 a 6 anos, un segundo de 40, e un terceiro premio de 30 euros , tamén para este tramo de idade. Primaria contará con tres categorías, todas elas dotadas cun total de tres premios e que se repartirán do seguinte xeito: 60 euros para os traballos escollidos como primeiros premios, 50 euros para os segundos e 40 euros para os que ocupen o terceiro . E se en infantil e primaria se aumentou a dotación dos premios, en secundaria establécense nesta convocatoria dúas categorías. A primeira, para alumnos de 1º e 2º da ESO, cun único premio de ta 150 euros. A segunda,engloba a alumnos e alumnas de bacharelato e ciclo formativo, e tamén conta coa mesma dotación nun único premio de 150 euros. Finalmente, tamén será posible optar ao premio especial Endesa, dotado con 500 euros, que pode ser en formato aberto, coa única condición de que teña como protagonista calquera tema vencellado ó teatro galego, e que se é en papel non exceda dos dez folios en letra arial 12. No tocante á presentación dos traballos, estes deberanse facer chegar ás dependencias da biblioteca municipal ata o día 6 de maio a menos que se optase polo formato electrónico, que xa permite envialo por correo a boliqueiras@gmail.com. Nos traballos de papel, que non poden superar os dez folios, cada sobre presentado deberá incluír dúas copias do traballo que deberá levar no seu exterior o texto V Certame Boliqueiras e a categoría e pseudónimo do participante. Dentro deste sobre deberá ir un segundo co nome do concursante, enderezo e número de teléfono e co seu pseudónimo no exterior. O nome dos gañadores coñecerémolos na gala de entrega de premios que está fixada para o 10de maio ás 18.00 horas e na que se darán cita todos os participantes e os membros tanto do xurado coma da propia Mesa Local pola Normalización Lingüística.

No hay comentarios:

Publicar un comentario