lunes, 8 de abril de 2013
Baile, música, literatura e teatro protagonizan a programación cultural do mes de abril
A Concellería de Cultura é a responsable de ofrecer un variopinto programa de actividades dirixidas a todas as idades.
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de publicar o interesante programa de actividades que se poderán desfrutar no concello pontés durante as vindeiras semanas.
De feito, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostábase por idear un completo programa de actividades para veciños e veciñas de idades do máis diverso xa que, nos vindeiros días, haberá teatro infantil, exhibicións de bailes de salón, concertos e ata presentacións literarias, todo un abano de posibilidades adaptadas a todo tipo de gustos, segundo subliñou a concelleira, para ofrecer unha alternativa de ocio a todas as xeracións.
Así as cousas, xa este pasado sábado era posible desfrutar do espectáculo de danza oriental Shakti-Danza que dará paso a unha intensa actividade cultural. De feito, este mesmo venres, o poeta local Santi del Moral presentará na Biblioteca Municipal o seu libro Instantes Detidos, dende as 21.00 horas; namentras que o sábado, ás 19.00 horas, a música será a protagonista co concerto anual en homenaxe aos maiores que ofrecerá a Rondalla Vila de As Pontes e a agrupación Lucero del Alba, na Casa Dopeso.
A fin de semana pecharase con teatro infantil o domingo ás 18.00 horas no auditorio municipal Alovi. A compañía Baobab ofrecerá a súa última montaxe: Babs, dirixida a menores de 4 anos, e para a que será posible facerse cunha localidade na propia billeteira do Alovi o sábado de 12.00 a 13.30 horas e o mesmo día do espectáculo, dende as 16.30 horas.
Do teatro á música para o 17 de abril, xornada na que a Escola de Zanfona do Padroado de Cultura de Narón visitará o auditorio municipal Alovi para compartir xornada coas Escolas de Música e Baile Tradicional, dende ás 19.30 horas.
Asemade, durante a vindeira semana tamén se realizarán varios pases tanto para estudantes coma para o público en xeral da obra de Limiar Teatro: Verbum Fahrenheit e que se presentará o vindeiro venres en rolda de prensa e o domingo, 21 de abril, novamente, contarase con teatro para os máis pequenos coa montaxe A Voar, de Sarabela Teatro, que arrincará ás 18.00 horas no auditorio municipal Alovi.
Outra das apostas deste interesante programa cultural será a literatura con tres xornadas de lecturas, para os días 22, 23 e 24 de abril na Biblioteca Municipal onde dende as 18.00 horas, os usuarios destas dependencias e veciñanza en xeral poderán leer as súas historias e textos favoritos.
O 26 de abril o baile tradicional ateigará de ritmos da nosa terra os Xardíns do Campo da Feira xa que, para conmemorar o Día Internacional da Danza, celebrarase un encontro entre a Escola de Baile Tradicional de As Pontes e o Grupo de Baile do Padroado de Cultura de Narón, a partir das 19.30 horas.
Abril pecharase cunha exhibición gratuíta, o día 28 ás 18.30 horas, de bailes de salón e que estará protagonizada polos alumnos das ssociacións Lembranza da Vila, Beira do Eume, Veiga da Areosa e as Viúvas María Magdalena, todo isto no auditorio municipal Alovi e coa compaña de varias parellas de alta competición.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario