lunes, 13 de mayo de 2013

O PRIMEIRO MERCADO DE OPORTUNIDADES DE VERÁN ESTRÉABASE O SÁBADO CUNHA GRAN AFLUENCIA DE PÚBLICO E AGASALLANDO AOS CLIENTES CON 500 EUROS EN VALES DESCONTO

A primeira edición do Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE) non podía desexar mellor estrea e é que un éxito podeser a verba máis axeitada para definir este primeiro outlet do verán, protagonizado polos comerciantes da nosa vila. Bau Bau, Galofer, Saavedra, Zokos, Grupo Tú, Tres Lúas, La Estrella, Juaneta, Gegúndez, Bolboreta, Niza, Mesturas, Xandra, Templo, Deko Logas e Pin Up foron as marcas pontesas que se animaron a participar nesta primeira experiencia que atopaba, como non, todo o respaldo do departamento de Promoción Industrial e Comercio, o Instituto Pontés de Promoción Económica e a Asociación de Comerciantes e Empresarios e As Pontes. E é qu a idea, que nacía dos propios comerciantes, semella que foi do máis acertada xa que, dende primeira hora da mañá, os 16 postos doutros tantos comercios do municipio recibiron múltiples visitas de veciños e curiosos que non foron capaces de resistirse aos bos prezos e artigos de gran calidade que ofrecían os comerciantes que tomaron parte neste primeiro MOVE. Bolsos, deportivas, camisas, xoguetes, libros, roupa de todos os estilos e marcas, agasallos do máis diverso e ata elementos de decoración ateigaron os diferentes estantes dos postos que se instalaron ata ben entrado o serán do sábado na Avenida da Coruña e ata onde se desprazaron moitos veciños para mercar algunha que outra cousiña. A propia concelleira Montserrat García daba conta da súa satisfacción ante a gran afluencia de veciños que se animaron a realizar as súas compras neste MOVE de verán e salientaba que, dende a concellería que dirixe, continuarase a respaldar iniciativas e proxectos que axuden ao desenvolvemento do comercio local. De feito, nesta estrea, o MOVE coincidía coa XIII Festa do Camioneiro o que permitiu que estes dous sectores se apoiasen muatuamente. Asemade, o propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, recalcou que esta aposta pola promoción do comercio e da hostalería de As Pontes nestas datas é o punto de partida dunha cita que pode chegar a consolidarse. Así o primeiro edil facía referenza ao éxito do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes de outono que xa cumpriu cinco anos o pasado novembro e que xa é toda unha referenza no que a outlets da comarca se refire. Ao igual que acontece cada outono co MOVA, o MOVE tamén repartiu premios entre aqueles clientes que se animaron a realizar as súas compras nestas 16 tendas de As Pontes. Neste caso o premio foron nove cheques agasallo, oito deles de 50 euros e un noveno dotado con 100 euros, dos que nos dous sorteos da xornada, se encargaron de entregar o propio alcalde de As Pontes e os concelleiros de Industria e Medio Rural, vales que, de seguro, alixeirarán un pouco a economía destes nove afortunados e afortunadas e que agora disporán de dúas semanas para canxear nas diferentes tendas participantes neste MOVE de verán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario