jueves, 19 de septiembre de 2013

Case 300 pontesas tomarán parte na marea rosa que o domingo percorrerá a Coruña na I Carreira da Muller que terá lugar na cidade herculina

Conta atrás xa para que ducias de pontesas tomen as rúas da Coruña na primeira edición da Carreira da Muller na cidade herculina. Unha proba deportivo-solidaria que servirá para recadar fondos para a loita contra o cancro de mama e que, na nosa vila, foi todo un éxito de convocatoria. 278 pontesas de idades do máis dispares estarán este domingo nas rúas da Coruña, coa súa camiseta rosa e o seu dorsal, grazas ao gran traballo de convocatoria destas últimas semanas realizado dende o Clube de Atletismo Olympo. Pero as tarefas deste clube non rematan tralos adestramentos destes últimos días xa que, precisamente, a poucas horas para que se celebre esta cita, esta entidade deportiva continua cos preparativos desta gran saída en prol do deporte e da saúde. Así para o domingo, a carón do auditorio municipal Alovi están convocadas todas aquelas corredoras que irán nos autocares que o Concello de As Pontes facilitará para este multitudinario desprazamento. Dende a organización prégase puntualidade ás viaxeiras xa que a saída dos buses está programada para as 7.30 horas polo que é necesario estar uns minutos antes para non ter problemas de organización. Asemade, tanto mañá venres á tarde coma o sábado á mañá será posible recoller a camiseta, o dorsal e os agasallos de inscrición da Carreira da Muller na tenda Opticalia Callao, na Avenida de Galicia; aínda que aquelas corredoras que non poidan achegarse ata estas dependencias poderán recoller o seu dorsal no propio autocar. A chegada á Coruña está prevista para minutos antes das 9.00 horas con parada no Obelisco, lugar ao que poderán achegarse as pontesas que vaian no seu propio vehículo xa que está previsto que se realice unha foto de familia diante deste monumento. Posteriormente, tocará trasladarse á liña de saída aínda que cada participante deberá colocarse nun lugar dacordo co seu nivel. As que realicen a proba camiñando deberán situarse na parte final, namentras que aquelas que realicen a proba en menos de 22 mintuos deberán poñerse nas primeiras filas. Ata uns 30 minutos da metade para adiante e entre os 30 e 40 minutos polo medio da saída. Será necesario estar xa na liña de saída uns 15 minutos denantes do inicio da proba, programada para as 10.00. No tocante ao dorsal, éste deberá ir colocado no peito e ben visible e chegar a meta con el colocado para entrar na clasificación. Unha vez remate a carreira, e por xentileza do Concello, repartiranse entre as corredoras auga, froita e un tentempé e agardarase ata que remate a entrega de trofeos, momento no que os autocares recollerán ás participantes para emprender camiño de regreso a As Pontes, polo que ao mediodía a numerosa comitiva podería estar xa de regreso. Para aclarar calquer tipo de dúbida con respecto á carreira ou ao traslado das corredoras é posible ou ben achegarse ata Opticalia Callao ou contactar coa dirección do propio Clube Olympo mediante o seu espazo en Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario