


De seguro que moitos e moitas están xa a rebuscar nos seus armarios ese difraz ou traxe do Medievo que, ano tras ano, cada mes de setembro serve para introducirse e sentir aínda máis a vida desta época pero sen saír de As Pontes.
E é que en algo máis dunha semana o barrio da Vila volverá estar poboado por doncelas, taberneiros, bufóns, cabaleiros, antigos artesáns e cetreiros da man dunha nova edición do Mercado do Medievo de As Pontes, a segunda xa que fará que o casco histórico pontés regrese á etapa na que comezaba a levantarse entre reis, cabaleiros, labregos e damiselas da nobreza.
O Concello, mediante o departamento municipal de Cultura, e coa colaboura do colectivo Lembranza da Vila volve poñerse á fronte da organización dun evento que, durante tres días, fará do casco histórico pontés o centro de atención das miradas de veciños e visitantes.
A empresa Fusión Medieval tamén volverá a implicarse na organización desta cita ao igual que acontecía o pasado ano e cun programa moi semellante ao da primeira edición deste mercado pero que, ao mesmo tempo, tamén inclúe atractivas novidades.
Aos tradicionais postos de viandas, con doces e pan feito co agarimo e as técnicas de antano sumaranse as tabernas e por suposto os stands adicados á artesanía en coiro, pedra, madeira ou cristal. Non faltarán tampouco artesáns da olería, do mundo da música, do tallado da madeira ou do ferro e xa actividades clásicas pero igualmente entretidas e atractivas coma os espectáculos de rúa, os bailes, os malabaristas e ata un espectáculo nocturno de lume. Non faltará o tradicional pregón de apertura deste mercado e que será protagonizado non só por membros da organización e do executivo local, senón tamén por un propio veciño do casco histórico.
Por segundo ano consecutivo, tamén percorrerá as rúas da vila o entrañable Comepedras ou o humor e sátira dos contacontos e os bufóns e, trala súa ausencia en 2012, regresarán as exhibicións de cetrería con impresionantes águias de Harris, mouchos, boitres ou cernícalos amestrados.
O teatro de rúa ou as actuacións musicais tamén formarán parte dun intenso programa que arrincará o venres 27 e que rematará o domingo 29 e que servirá para desfrutar e coñecer máis polo miúdo o que foi o primeiro barrio de As Pontes e que hai sete séculos servía como punto de orixe do que hoxe é a nosa localidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario