sábado, 11 de enero de 2014

Centos de veciños asisten á presentación do primeiro libro sobre os alcaldes de As Pontes

O actual rexedor de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu este acto no que se deron cita familiares de gobernantes xa finados e os ex alcaldes Tomás Coello, Víctor Guerreiro, Jaime Vilaboy e Aquilino Meizoso As Pontes, 11 de Xaneiro de 2014.- O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu onte a presentación do libro homenaxe aos rexedores ponteses Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836, elaborado pola historiadora e escritora ferrolá María Sande e que recolle a historia de todos aqueles que se encargaron de dirixir o destino do COncello de As Pontes dende mediados do século XIX ata a actualidade. Na súa intervención, González Formoso deu conta da gran relevancia dunha obra que definiu coma un repaso á historia do municipio e da súa evolución nas últimas décadas pero a traverso dos seus gobernantes. González Formoso recalcou a necesidade de respaldar a elaboración deste importante traballo de investigación que terá non só un fin histórico, senón tamén didáctico e que perdurará no tempo. O primeiro edil salientou a gran labor de todos e cada un dos alcaldes que forman parte deste libro, que tiveron que gobernar en situacións tan dispares coma unha dictadura, unha república, ou a actual monarquía parlamentaria e ante situacións socioeconómicas tamén do máis diversas, pasando dunha economía agrícola e de subsistencia á industrialización. Nembargantes, e malia o paso das décadas, segundo explicou González Formoso, As Pontes aínda conserva moitos daquelas directrices de mediados do século XIX, coma o respeto pola terra, malia ser, a día de hoxe un pobo industrial. O rexedor tampouco se esquenceu do espírito de solidaridade dos ponteses que, dende décadas atrás, sempre acolleron con agarimo a todos aqueles que se instalaban no municipio por motivos laborais. González Formoso poñía punto e final á súa intervención dando conta do orgullo que supón o ser alcalde do pobo que o viu nacer e recoñecendo a” importante labor de todos aqueles gobernantes que, dende 1836, tiveron nas súas mans o bastón de mando do Concello de As Pontes que, cos seus erros e acertos, sempre traballaron por lograr o mellor para os seus veciños e veciñas”. Asemade, tamén pasaron polo escenario do auditorio municipal Alovi na noite de onte familiares de moitos dos alcaldes que forman parte desta publicación como foi o caso do fillo de Cesáreo González Dopeso, alcalde entre 1955 e 1960, a sobriña de José Yllade Rilo, alcalde enre 1920 e 1923, ou o neto de José Vilaboy Pajón, alcalde en 1931. Todos eles agradeceron esta máis que merecida homenaxe aos seus familiares e recibiron da man do actual alcalde de As Pontes un exemplar do libro presentado onte e tamén un título honorífico coma alcalde de As Pontes. Non faltaron nesta homenaxe alcaldes aínda vivos coma Tomás Coello, Aquilino Meizoso, Jaime Vilaboy e Víctor Guerreiro que tamén recibiron unha copia deste libro e o seu respectivo diploma. Asemade, a propia autora María Sande tamén quixo dirixirse ao numeroso público presente relatando a experiencia que supuxo para ela realizar este intenso traballo de investigación. Así, a autora asegurou sentirse xa coma unha pontesa máis trala boa acollida recibida á hora de elaborar este traballo, agradeceu a importante colaboura con datos e fotos de familiares, e, finalmente, calificou a súa obra coma “un libro que é de todos os ponteses e pontesas e que pertence ao pobo de As Pontes”. O acto rematou coa sinatura de libros por parte da propia María Sande, sinatura na que tamén colaborou o alcalde Valentín González Formoso. Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 O libro presentado na noite de onte conta non só coa biografía dos 70 rexedores que, dende 1836 e ata a actualidade dirixiron o municipio, senón tamén con datos históricos coma a creación dos primeiros concellos e das figuras do alcalde e do bastón de mando. Asemade, a autora tamén incluíu unha reseña sobre a historia da formación do Concello de As Pontes e as biografías dos alcaldes entre 1836 e ata o ano 1900, e dende 1900 e ata a actualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario