jueves, 24 de abril de 2014

A SEMANA QUE VEN COMEZARÁN OS EXAMES PARA A LISTA DE AGARDA DE OPERARIOS MUNICIPAIS E A SEGUINTE PARA AS PRAZAS DE AUXILIARES DA POLICÍA LOCAL.

O Concello de As Pontes cita para a semana que vén aos candidatos e candidatas que optan ás probas selectivas para formar parte da lista de agarda para o servizo de obras municipal. Dado o elevado número de instancias presentadas, un total de 151, para a lista de agarda de operario de obras, a proba práctica realizarase en dúas quendas. Así, para o martes 29 de Abril ás nove da mañá, na nave municipal de obras no Polígono dos Airios, están citados os aspirantes cuxo primeiro apelido comece polas letras A e ata a letra G. E ao día seguinte, tamén ás nove da mañá e no mesmo emprazamento na nave municipal dos Airios, celebraranse os exames para os aspirantes cuxos primeiros apelidos comecen pola letra L e ata o V. A proba práctica, de carácter eliminatorio, terá como obxecto a demostración das habilidades propias dun operario, e consistirá no desenvolvemento de tarefas relacionadas co programa que se reflicte na convocatoria xeral e que abrangue os campos da albanelería, carpintería e cerrallería, fontanería, pintura, e finalmente, electricidade. O programa da proba para a creación dunha lista de agarda de operario do servizo de obras tamén esixe coñecementos de seguridade e saúde nos lugares de traballo; sinalizacións e balizamentos; elementos, emprazamentos e protección do mobiliario urbano e protección, conservación e uso das zonas verdes. O outro proceso selectivo pendente, o das seis prazas para auxiliar da Policía local, vaise desenvolver o 5 de maio, ás 10 da mañá no polideportivo municipal. Contará cunha comprobación da estatura, e as probas de salto vertical e carreira de 1.000 metros lisos. Asemade, haberá unha proba de coñecementos sobre o temario que tamén se recolle nas bases deste proceso; unha proba de topografía e unha valoración sobre o coñecemento da lingua galega. Este mesmo venres remata o prazo de presentación de solicitudes para poder obtar a algunha das 6 prazas para auxiliar de policía local de As Pontes e que se convocaron a principios desta mesma semana. As seis persoas contratadas durante os seis meses de duración destas prazas recibirán 1.200 euros mensuais e, entre as súas labores deberán custodiar e vixiar os bens, servizos e instalacións municipais; ademáis de auxiliar e colaborar cos axentes da Policía Local e demais forzas e corpos de seguridade. Para unha consulta máis detallada das bases é posible dirixirse ao rexistro municipal ou á web www.aspontes.com. Lembrar que o prazo de presentación de solicitudes remata o sábado ás 12.30.

No hay comentarios:

Publicar un comentario